Monday 06 de May de 2024

O Concello de Brión abre as inscricións no Grupo de Acción Patrimonial, que volverá a reunirse a partir do xoves 7 de marzo


Trátase dunha iniciativa para poñer en valor o patrimonio do municipio a través dos coñecementos e a sabedoría dos veciños e veciñas

O Concello de Brión convoca unha nova edición do Grupo de Acción Patrimonial, unha iniciativa para poñer en valor o patrimonio do municipio a través dos coñecementos e a sabedoría dos propios veciños e veciñas brioneses. Un grupo aberto á participación de todas as persoas que estean interesadas e que cubran previamente unha folla de inscrición dispoñible na web municipal: www.concellodebrion.gal. A participación é totalmente de balde.

O Grupo de Acción Patrimonial reunirase todos os primeiros e terceiros xoves de mes no centro social polivalente, polo que a primeira reunión terá lugar o vindeiro xoves 7 de marzo. Un grupo que naceu a finais de 2022 da man dunha ducia de veciños e veciñas que organizaron encontros para dar a coñecer o rico patrimonio cultural e patrimonial de Brión. Chegaron incluso a facer percorridos polo municipio onde os propios veciños do lugar explicaban a orixe dunha tradición, como as alfombras florais dos Ánxeles, ou todo o que agachan lugares como a Igrexa de Ons, por exemplo.